Wednesday 15 de May de 2024

A Pobra ofrece unha ampla e atractiva oferta turística para a Semana Santa


No mes de abril ten lugar unhas das épocas turísticas máis importantes do ano coincidindo coas celebracións da Semana Santa. Por iso, dende a Concellaría do Turismo impúlsase unha programación coa cal desfrutar dos numerosos atractivos da Pobra do Caramiñal. Acompañada das técnicas municipais desta área, Sara Sánchez e Ángeles Tubío, a edil do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra), manifestou que “queremos poñer en valor a gastronomía, o patrimonio e a paisaxe con produtos de calidade”, ademais de que “potenciar este tipo de actividade ó final é potenciar todo o traballo que ten que ver co sector turístico.”

Os Xardíns de Valle-Inclán serán o escenario dende o día 6 deica o día 17 de A nosa feira, unha iniciativa que aglutinará 14 postos de artesanía.

No día 14, Xoves Santo, terá lugar unha ruta xacobea guiada polo Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe ó seu paso pola Pobra. O tramo consta de 10 quilómetros e a dificultade é baixa. Establécese como punto de encontro o aparcadoiro situado diante da praza de abastos, ás 09.00 horas. Requírese a inscrición previa e o custo é de 10 euros.

Para a xornada do día 15, Venres Santo, configúrase un itinerario turístico guiado polo río das Pedras, na contorna das piscinas naturais. A duración será de 3 horas, nas cales se percorrerán 3 quilómetros e a dificultade é media, polo cal está dirixida a persoas maiores de 12 anos. O aparcadoiro fronte ó mercado municipal estipúlase como punto de encontro ás 10.00 horas. Tamén é preciso anotarse e o prezo é de 10 euros.

As camiñadas continuarán no día 16, Sábado de Pascua, cunha visita guiada polo centro histórico da vila. Terán unha duración de 1 hora e 30 minutos, con dificultade baixa. O punto de saída é a Casa Mariñeira, ás 11.00 horas. As persoas interesadas deberán reserva-la súa praza, que ten un importe de 3 euros. A xornada complementarase cunha actividade marítima consistente na ruta do mexillón pola ría da Arousa durante 2 horas. A saída será dende o porto deportivo, ás 16.30 horas. O prezo da viaxe para persoas maiores de 10 anos establécese nos 25 euros e para menores desa idade sitúase nos 20 euros.

Coa vista posta no mar, no día 17, Domingo de Pascua, transcorrerá un obradoiro de marisqueo na praia dos Areos, cunha hora de duración. O lugar de encontro é a Casa Mariñeira, ás 11.30 horas. A matrícula ten un custo de 12 euros para persoas maiores de 10 anos e será de balde para menores desa idade.

Así mesmo, a programación consta da demostración culinaria Da praia ó prato para esa mesma xornada. Componse dun prato principal, tres tapas e unha sobremesa elaborados polo cociñeiro Jaime Chouza e regados por viños da comarca. O punto de reunión será na praza de abastos, ás 13.15 horas. As persoas interesadas en asistir deberanse inscribir e aboa-la contía de 30 euros.

Máis información e inscricións previas necesarias na Casa Mariñeira, situada na contorna do parque do Castelo, mediante o enderezo electrónico turismo@apobra.gal ou nos teléfonos de contacto 671090262, 687482835 e 981843280, marcando a extensión 2035.